




Un paso da final, pero máis preto ca nunca
O FS Castro Cando roldou a épica en Cartagena. Non foi suficiente para alcanzar a final da Copa da Raíña, pero o equipo deu un golpe enriba da mesa e deixou unha mensaxe clara: este proxecto vai en serio e está preparado para todo. O Melilla Torreblanca, un dos equipos máis potentes da liga, só puido eliminar ás nosas nos penaltis tras un empate a dous nun partido intenso e cheo de alternativas que demostrou a personalidade dun equipo valente, competitivo e sen complexos.
Desde o asubío inicial, o plan de Chipi incomodou a un rival que partía como favorito, pero que tivo que resistir ao empuxe dun Castro ambicioso e decidido. As ocasións caeron do noso lado e o gol de Ana Luiza no minuto cinco non mudou o rumbo dun primeiro tempo que dominamos con claridade. A resposta chegou pronto, Dani Sousa transformou o penalti que lle fixeron a ela mesma e o equipo seguiu insistindo, cunha portera rival inspiradísima que evitou o segundo en múltiples ocasións.
Na segunda metade o duelo igualouse pero o Castro mantivo o carácter. Laura Boix rompeu pola esquerda e Antía marcou cun disparo preciso no minuto 33. Puidemos sentenciar cun disparo de campo a campo de Julia que bateu no pau, e cando xa rosmabamos a final, un último golpe de fortuna permitiu a Caroline empatar a un minuto do final.
Na tanda de penaltis, o azar non estivo do noso lado. Melilla foi máis certero e clasificouse por un axustado 4-3. Chipi foi claro tras o partido. Non só puxemos contra as cordas ao mellor equipo da liga, senón que volvemos demostrar que o FS Castro está feito para competir entre os grandes. Quedamos ás portas, pero camiñamos con paso firme e coa convicción de que o mellor aínda está por chegar.
Próximos encontros
Patrocinadores pincipais





