Chipi ilusiónase co crecemento do FSF Castro Cando

A falta de tres xornadas para poñerlle o ramo á tempada 2024-2025, o adestrador do FSF Castro Cando, José Carlos Martín ‘Chipi’, xa pensa no futuro e faino con ambición. Hai motivos. A eliminación nas semifinais da Copa da Raíña fronte ao Melilla, na quenda de penaltis, deixou ese sabor agridoce de ter rozado a final. Pero lonxe de emborronar a tempada, reforza a idea dun crecemento sostido e sólido do club, tanto dentro como fóra da pista. Sobre o parqué, competindo de igual a igual contra calquera rival. Nas bancadas, coa afección enchendo de forza cada partido e soñando con fitos que hai só uns anos parecían imposibles.

Chipi mira cara adiante pero sen perder de vista o inmediato: as tres últimas xornadas da Liga Iberdrola feminina contra Melilla, Poio Pescamar e Les Corts. O obxectivo é manter a sexta praza, un broche de ouro para unha campaña ilusionante. “Foi unha moi boa tempada, demostramos que podemos competir contra todos. Agora toca pechar ben o ano, sen riscos, e mirar xa cara a seguinte etapa”, comenta o técnico.

A tempada 2024-2025 serviu como punto de inflexión. O grupo medrou, gañou experiencia e demostrou madurez nos escenarios máis esixentes. “O equipo foi forte mentalmente, agora toca renovar o bloque e pechar os reforzos que temos enriba da mesa para o vindeiro curso”, sinala.

Sobre a Copa da Raíña, Chipi teno claro: “Marchamos con orgullo. Tivémolo preto. Demos un paso adiante a nivel táctico, emocional e como club. Non se nos deu esta vez, pero achegámonos máis ao que queremos ser. Coa ambición e a seriedade que estamos amosando, acabaremos tocando metal”.

Da derrota en penaltis fronte ao Melilla tamén saca aprendizaxes. “Fomos valentes. Buscamos a vitoria ata o final. Hai detalles por mellorar, pero tamén hai que recoñecer que fixeron un partido perfecto”. A experiencia das tandas é, segundo Chipi, un factor traballable: “En 27 anos só perdín dúas, esta e a da Copa Galicia. Se teño que esperar outros 27 para repetir iso, firmo agora mesmo. Pero aprendemos e xa competimos mellor ca naquela. Seguiremos crecendo”.

Próximos encontros

Patrocinadores pincipais