O FSF Castro Cando fai historia e xa está nas semifinais da Copa da Raiña

O FS Castro Cando continúa a escribir unha páxina inesquecible na historia do deporte lucense. O noso primeiro equipo feminino logrou o pase ás semifinais da Copa da Raíña, tras unha vitoria sólida e sen fisuras ante o Teldeportivo (0-4) na cidade de Cartagena, escenario dun soño que cada vez está máis preto de facerse realidade.

O equipo chairego impuxo desde o inicio o seu xogo, personalidade e intensidade, demostrando por que é un dos grandes nomes desta edición. A superioridade do conxunto dirixido por Chipy quedou patente desde os primeiros compases, con dominio da posesión, orde táctica e un traballo colectivo impecable.

 Foi Jenny Santos, cun disparo seco e colocado, quen abriu o marcador no minuto 7, poñendo en marcha a máquina competitiva do Castro. Antes do descanso, Laura Boix ampliou vantaxe tras culminar unha contra perfecta, asinando un 0-2 que xa marcaba o camiño.

Na segunda parte, o equipo non perdeu a identidade: seguridade defensiva, cabeza fría e corazón quente. Ante o xogo de cinco das canarias, o Castro mantivo a calma e respondeu con intelixencia. Foi entón cando Julia Melz, desde porta a porta, asinou un golazo de campo enteiro para sentenciar. E poucos segundos despois, Camila Costa, tras un roubo con sangue fría, anotou o definitivo 0-4.

Cada paso que damos nesta Copa da Raíña é un reflexo do traballo da nosa base, da nosa afección e da nosa maneira de entender o deporte. Somos un club pequeno en tamaño, pero xigante en ambición e valores.

Coa atención dos medios nacionais e os focos da TVE postos enriba, o FS Castro xa espera rival para as semifinais, coa ilusión intacta e a humildade de quen sabe que todo é posible cando se cre en equipo.

semifinais da copa da raiña

Próximos encontros

Patrocinadores pincipais